23/05/2007 13:00 O concello de Arzúa dá un novo paso na súa intención de achegar as novas tecnoloxías a todos os cidadáns a través de Arzúa Cidadán, o portal web que será presentado oficialmente no Salón de Plenos da Casa do Concello.
Rematado xa o período de formación, no que participaron arredor dunha ducia de entidades educativas, culturais, sociais e deportivas de Arzúa, todos os arzuáns poderán acceder aos contidos de Arzúa Cidadán, onde atoparán información actualizada da actividade que realizan as asociacións do seu concello.
O portal Arzúa Cidadán, financiado pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e de cuxo deseño e posta en funcionamento se encargou a empresa Acordar, está pensado para que todas as asociacións e entidades municipais que así o desexen poidan dispor dun espazo web que lles permita crear e difundir as súas propias noticias e contar, a maiores, con servizos persoais que poderán ser usados por calquera cidadán que así o requira.
A través deste portal todas as asociacións e entidades municipais poderán dispor dun espazo web propio para crear e difundir as súas propias noticias, popularizar as súas actividades mediante unha axenda, deseñar galerías de imaxe e son e abrir foros de debate e consulta cos seus asociados. Trátase, en definitiva, dunha especie de microweb xestionada libremente por cada organización, que lles achegará novos medios para relacionarse cos seus asociados, reforzar a súa proxección social e dar a coñecer o labor social, cultural, económico ou deportivo que desenvolve cada unha destas entidades.