Arzúa cidadán

Rocio Leira, Alba Sánchez e Sara Martínez gañan o III certame A Nosa Lingua

20/05/2007 18:03 O fallo do III Certame de relato curto A Nosa Lingua do Concello de Arzúa resolveuse en feminino: Rocio Leira (Cee) Alba Sánchez (Santiago de Compostela) e Sara Martínez (Arzúa) foron as premiadas desta edición, cuxa entrega de premios tivo lugar na Capela da Madanela o xoves 17 de maio.

As premiadas desta III edición do Certame de relato curto a Nosa Lingua recibiron un vale de 70 euros para gastar nunha librería de Arzúa e un exemplar da obra María Mariño, no ronsel das escritoras galegas, o libro de Mª Pilar García Negro que onte se presentou na Capela da Madanela dentro dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.

Rocio Leira Castro, de Cee, resultou premiada co relato Loucura afumada, Alba Sánchez Ares, de Santiago de Compostela, gañou con Bolboreta e a moza arzuá Sara Martínez Castro recolleu o premio polo relato titulado O soño de Xoán. Logo da entrega de premios tivo lugar un concerto da Coral Polifónica de Bueu, que ofreceu aos presentes, a través do seu repertorio, unha viaxe pola historia da música en clave galega.No transcurso deste mesmo acto, que contou coa presenza de Xaquín García Couso, alcalde de Arzúa, e Antonio Blanco Guerra, concelleiro de Cultura, tamén se entregaron libros aos premiados no sorteo do concurso Tes a Palabra, no que resultaron gañadoras as seguintes verbas:

-Cascallo, de Jesús Aller (Arzúa)
-Luscofusco, de Xoán García Segade (Santiago de Compostela)
-Axóuxere, de Eva María Conzález (Tronceca, Arzúa)
-Cantiga, de Xosé Ramón López Sánchez (Pantiñobre. Arzúa)
-Arrumaco, de Uxía Fernández (A Pobra do Caramiñal)
-Lembranza, de Sandra Montaña López (Camposancos, Lalín)
-Millo, de Marcos A. Rodríguez Fariña (Vigo)
-Retranca, de Xulio Mallo Nieto (Brión)
-Papaventos, de Elma Barreiro Abad (Baltar, Melide)
-Mamá, de Lola Rouco Ramos (Arzúa)Xa pola tarde, ás 18:00 horas tivo lugar o IV Festival de Bandas de Música de Arzúa, coa actuación das bandas de música de Arzúa, Arca (O Pino) e da da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo (Teo).