Arzúa cidadán

Visita ao xardín botánico de Lourizán no mes do medio ambiente

23/05/2007 10:10 O departamento de Cultura do Concello de Arzúa inaugura o programa que levará por nome Coñece o teu país cunha visita ao xardín botánico de Lourizán (Pontevedra) o día 30 de xuño.

Esta viaxe, que se enmarca ao mesmo tempo nos actos de celebración do mes do medio ambiente, será a primeira dunha serie de desprazamentos que o concello ten previsto programar para os meses estivais. A boa acollida que tiveron as viaxes que o departamento de Cultura organizou no verán pasado animou aos seus responsables a por en marcha o programa Coñece o teu país, cuxo primeiro destino será o Concello de Pontevedra.

Alí, os arzuáns que o desexen, poderán realizar unha visita guiada de dúas horas polo xardín botánico do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, de indubidable valor científico, pedagóxico, estético e sociolóxico. Xa para a tarde, e despois de xantar, está programada unha visita a Combarro (Poio), un dos pobos mariñeiros de maior interese turístico das rías Baixas.

Todos aqueles que desexen apuntarse a esta viaxe poden facelo ata o 27 de xuño no departamento de Cultura do Concello de Arzúa, ben en persoa ben chamando ao teléfono 981 500 000 (extensión 22) entre as 9:00 e as 15:00 horas. Cubriranse por orde de inscrición as 55 prazas que hai dispoñibles.

O itinerario previsto para esta viaxe é o seguinte:

  • Saída ás 9:00 horas do Mercado Centro Multiusos
  • Chegada a Lourizán ás 11:00 horas Visita guiada polo xardín botánico
  • As 13:00 horas o grupo desprazarase cara a un lugar no que será posible tanto xantar ao aire libre (para os que desexen levar algo) como facelo nalgún restaurante próximo (a viaxe non inclúe a comida, só o desprazamento e a visita a Lourizán)
  • Pola tarde visita a Combarro A hora de chegada a Arzúa está prevista para as 21:00 horas aproximadamente.