Portada
O teu escritorio

O ESCRIBANO

De trasgos, fadas, druidas e outras historias.

Un nome: Escribano

De trasgos fadas druidas e outras historias.
Hai moito tempo que levaba matinando eu nesto dos Blogs, quero dicir, que quería crear un, pensei nun blog profesional, nun blog de poesía, nun blog de relatos curtos, pero ía pasando o tempo e non me decidía.
O outro día estiven navegando por Arzúa Cidadán e gustoume moito a páxina, sobre todo o tema da Wiki, paréceme moi interesante que un pobo poida reflexar e compartir a súa cultura en tempo real e desde todos os puntos de vista.
Bueno, dicían por aí outros blogueiros que o importante no tema dos blogs é a constancia, gustaríame prometervos que todos os días terei añgo importante que compartir con vos, pero ó mellor non, e, se hai que escribir escríbese, pero escribir para nada ...
Supoño que é importante dicir tamén no saúdo a razón pola cal te chamas como te chamas. Non elixin ó chou o nome do blog, algúns póñenlle nomes de deuses, outros de mitos, outros de metáforas literarias, outros nomes cómicos ....
o meu blog, chámase Escribano por un prado, sí, un prado que está na aldea dos Rascados, e na parroquia de Santa María, aínda non sei moi ben por que se chama así, pero  cando faga as investigacións precisas xa teño outro post.
O escribano, non me cabe ningunha dúbida era un lugar máxico, e digo era porque xa sabedes todos o que pasa coas concentracións parcelarias, como é sabido o que é bo para a economía no é bo para a maxia. Cando era unha rapariga estaba convencida que alí habitaban todo tipo de fadas e trasgos, que ben seguro tiveron que facer a equipaxe cando chegaron as paleadoras da concentración.
Para min unha das cousas mais máxicas daquel prado era a súa biodiversidade, algo tiña que ter porque en febreiro enchíase de narcisos, e en ningún prado circundante se daba esta especie. Nin sequera na miña casa, e mira que teño arrincado ben deles para prantalos no xardín. Por máis coidados e agarimo que lle daba a aquelas prantas en canto saían do prado duraban uns días e axiña murchaban, aínda que os tiveses en auga.
Un día, de pequena vin unha fada no escribano, era moi cativa e tiña unhas ás diminutas, pero foi vista e non vista, por suposto que ninguén me cre, pero en verdade vos digo que alí pasaban cousas máis propias dun laboratorio da alquimia que dun prado. Por suposto que había moitoisima auga, tendo en conta ademáis que o río Iso pasa a apróximadamente 200 metros.
Aínda teño a memoria mollada do orballo na herba e dos perfumes tan peculiares da Galiza minifundista que se difuminan no solpor do capitaliamo neoliberal, aínda ...O escribano era fermoso coa patumeira outubro e novembro, ofrecía ó raiar a primavera un amarelo intenso e oloroso e incontables tonalidades de verdes cando chegaba o verán, e cando mirabas ó oeste mentres caía o solpor e o ceo era un manto vermello que protexía ata as almas máis indefensas, as máis futis.
Pero xa non é, e porque me gustaría que siga sendo, aínda que só sexa no imaxinario colectivo, no que aínda dormen as voces dos druidas, quero compartir con todos vos este pequeno blog no que escribirei ..., pois de todo un pouco. Ata mañán.
por Escribano, 31/05/2007 11:19 Tags:
Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: