Portada
O teu escritorio

A nosa historia

Sexamos libres coa cultura e a información. Logo divirtámonos.

Lendas, Fontes e Deuses en Arzúa 1

  Algunhas veces, pasamos centos de veces polo mesmo sitio e non nos decatamos de que, ao carón da casa, temos unha verdadeira xoia da nosa cultura. Lugares sagrados, que foron venerados polos nosos antergos. Algunhas veces, quizais, grazas ás lendas que escoitamos aos nosos maiores, caemos na conta de que, aí ao lado, temos algo que tivo unha importancia enorme nos tempos antigos.
  O Culto ás AugasRestos de sílex do Megalítico achados nos arredores dos mananciais indican que xa, nos comezos dos tempos, as fontes eran frecuentadas. Os pobos galaicos prerromanos, as xentes dos castros, practicaban o culto ás augas, nelas crían que habitaban deidades que transmitían os seus poderes ás mesmas e aos lugares onde estas abrollaban, a cultura céltica consideraba as fontes, os ríos, as lagoas e os mares coma vías de comunicación co Máis Alá.No Imperio Romano, a situación periférica de Galicia deu lugar a que a romanización non fora aquí tan profunda como noutras áreas da Península. 
   O estudio do culto ás augas na época romana permite constatar a pervivencia de cultos indíxenas, dentro dunha cultura mixta indíxena-romana. Galicia é a única zona de toda a Iberia onde se acharon nomes celtas de deuses nas fontes termais. Restos epigráficos en relación con divinidades indíxenas, como Bormánico, Edovio, Convertina..., atopáronse en Vizela, Caldas de Reis, ou Guitiriz e, de ninfas, en Caldas de Cuntis, Baños de Molgas e Ourense. No culto ás ninfas mestúranse o culto indíxena co romano. Posiblemente a sacralidade das augas e dos lugares onde abrollan están na orixe remota dalgúns dos balnearios galegos: En Caldas de Cuntis, Aquae Calidae, apareceron unhas 500 moedas romanas e dúas aras dedicadas ás ninfas. As ofrendas de moedas ás ninfas formaban parte do ritual. En Caldas de Reis, Aquae Celenis, atopouse unha ara dedicada a Edovio. En Guitiriz unha inscrición dedicada a Convertina. En Lugo, Lucus Augusti, inscricións dedicadas a dúas deidades acuáticas, Labo Paraliomego e Tudela.
   Tralas invasión suevas de Galicia, moitos dos establecementos balnearios foron arrasados. Sen embargo, os escasos datos bibliográficos pemiten deducir que as fontes e baños mineiro-medicinais seguiron usándose ininterrompidamente, aínda que fora dun xeito moi precario. Ata os anos 50 do século pasado, as Augas de Reboredo en Santiso, tiñan moita sona e a xente acudía de noite pecha, acendían fogueiras para ver, quentarse e tomar os baños, mentres establecíanse animadas conversas e organizábanse partidas de cartas e outros xogos.      De vello, as augas da Fonte Santa de Lardeiros (O Pino), eran sonadas no entorno para doenza dos ollos, chegando a ter unha pequena capela de advocación a Santa Lucía, hoxe en día desaparecida. A Fonte Santa de Santa Irene (O Pino);auga da súa fonte se recollía para as hortas, co fin de acabar coa presenza de pestes que puidesen acabar coas colleitas. Ó parecer, esta mesma santa cura ós nenos dos seus males e tamén ós que choran demasiado, ó pasaren debaixo da súa imaxe na capela. A súa festividad  celébrase o 29 de xuño.Malia que o cristianismo loitou, dende os seus comezos, contra os culto ás augas, esta herdanza cultural pagá amosou unha continuidade impresionante dende o Neolítico ata a actualidade, polo que as ninfas e sereas perviviron na tradición oral galega.A Igrexa adoptou unha dobre estratexia na súa loita contra esta tradición: por unha banda a condena sistematicamente. Un exemplo témolo en San Martiño de Dumio , Bispo de Braga, quen no De correctione rusticorum dicía: "numerosos son os diaños que, expulsados do ceo,, presiden o mar, os ríos, as fontes e os bosques, as que os homes ignorantes do Deus verdadeiro lles fan sacrificios....".
    Na Lenda da Fervenza de Santa Marta (tamén chamada das Hortas), o carácter máxico do carballo impregna a lenda:Unha muller que quedou preñada polo seu mozo nunha noite de muiñada, foi empurrada por este á fervenza, a moza encomendouse a Santa Marta e a póla dun carballo salvouna milagrosamente.
    Pola outra banda, a adaptación destes cultos ao cristianismo, , transformando as fontes e lugares pagáns de culto ás augas en lugares de culto cristián, baixo a advocación da virxe ou dos santos, producindo así un sincretismo entre as crenzas antigas pagás e a relixión cristiá.
    Durante a Idade Media estes cultos vanse apagando, ata que no século XVIII aumentou a concorrencia aos balnearios e ás augas minerais, debido sobre todo, ao empuxe que a Ilustración lle da ao estudio da medicina, desta época data a construción da Capela da Fonte Santa (Lema), o que indica que nesta fonte debéronse realizar ofrendas paganas nos tempos prerromanos. Os romanos, como xa dicimos, asimilarían estes ritos. Conta a tradición que as súas augas curan a depresión, as queimaduras e a inapetencia. Seica ata se pode facer desaparecer penas e tristezas sufridas na vida. Certo é, que en aplicación local, como todas as sulfuradas, están indicadas para a pel e as úlceras crónicas. Contan as lendas que a fonte sécase se alguén pretende facer negocio cobrando pola súa auga ou comete algunha irreverencia diante dela. Tamén se di que deixou de manar cando intentaron roubar na capela.  Advocación á Virxe do Rosario é do século XVIII, romaría segundo domingo de outubro.
por gonzo, 13/12/2007 12:27 Tags:
Comentarios (1)
gonzo
# 13/Decembro/2007
A imaxe da cabeceira corresponde ao Deus Wodán ou Odín

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: