Portada
O teu escritorio

A nosa historia

Sexamos libres coa cultura e a información. Logo divirtámonos.

A CONQUISTA ROMANA NA COMARCA DE ARZÚA 4

 
A conquista romana na comarca de Arzúa e a VÍA XIX

A nosa hipótese é que nas tarefas de conquista, planeamento e construción da VIA XIX (que é a primeira e, polo tanto, a máis antiga vía que os romanos construíron na Gallaecia), Agripa e o grupo de xeógrafos e urbanistas que o acompañan nas súas campañas militares, bautizarían os nosos ríos cos nomes destas dúas cidades; Pella e Ysso (tan importantes na historia macedónica), na honra de Alexandro Magno,
  macedónico e o mellor estratego militar dos tempos antigos.
  Hai que recordar que os veteranos das lexións romanas estaban asentados, por orde de Augusto, en Pella, esta era, naqueles momentos, unha cidade de gran importancia no mundo militar, Ysso simbolizaba a vitoria sobre o mundo oriental.  
  Agripa, no período de conquista do noroeste ibérico, está ao mando da Legio IV Macedónica e ten coma misión fundamental, logo da pacificación, como destaca Rosa Brañas no seu estudio sobre o Destino do Imperio, a elaboración do Orbis Terrarum e a recollida de datos de carácter topográfico -distancias e localizacións a partir de referencias xeográficas, dimensións, etc,- eran os Commentarii, que reunían os nomes de lugares, países, ríos, vilas, etc, así como,  textos marxinais e comentarios ao marxe dos mapas. Dáse a circunstancia de que a historia e a xeografía do Imperio serán os auténticos puntais da propaganda oficial, ninguén que non sexa membro da clase dirixente imperial podía optar a estas ciencias, moito menos publicar nada sobre elas, ademais, é, nestes momentos dos inicios do Imperio, cando as referencias a Alexandro Magno digamos; están de moda,  só alguén da corte imperial coma Agrippa podía realizar labores de apuntamentos xeográficos.  
  Por qué, estes nomes a estes ríos, a estreita relación dos dous topónimos co mundo militar e de conquista macedónico e co ideal de conquista imperial para completar o Orbis Terrarum, fainos entrever, efectivamente, unha situación e unha época de guerra e conquista na nosa comarca, ocúrresenos a posibilidade de que nas beiras do Ysso, nese proceso de conquista, tivera lugar algunha confrontación militar con grupos castrexos da zona (nun radio de 5 kms. hai dez castros catalogados) poida que esas escaramuzas recordasen aos conquistadores a batalla de Ysso, (tamén nas beiras dun río, e unha das máis sonadas do exército de Alexandro Magno). 
  Non obstante, calquera dos dous vales tanto o Iso (na zona da ponte de Ribadiso) coma o Pela son uns lugares idóneos para a instalación dos campamentos de marcha (castra aestiua) polo seu chan en pendente que favorecería a evacuación das augas, a aireación, amén de ter auga en cantidade suficiente para soster un asedio.   
  Estes topónimos daríanos indicios probatorios para a confirmación da presenza desta lexión romana na comarca arzuá, e reafírmanos na teoría de que a antiga VIA XIX viña dende Lucus Augusti e atravesaba Arzúa cara Asseconia ¿Santiago?. Que en Braga, sobre o 18 a.C., haxa constancia da presenza de Agripa, nos leva a pensar que logo do planeamento da cidade de Lugo, Marco Agripa atravesaría a nosa comarca seguindo o trazado que tería a VIA XIX.
  Que os romanos do imperio bautizaran estes dous ríos é a proba feaciente de que cruzaron as terras arzuás polos mesmos pasos que logo os peregrinos xacobeos, desbotaría, pois, as teorías de algúns autores, que actualmente, sitúan a VIA XIX ao sur dos concellos de Arzúa e Mellide[1]. Nárdiz Ortiz, ademais, no seu traballo sobre pontes medievais, fálanos dunha excepción construtiva das pontes de Leboreiro, Furelos e Ribadiso resaltando que estas pontes do Camiño de Santiago, construíronse sobre o século XII seguindo como modelos as pontes romanas que aínda conservan a súas fábricas.
  Máis adiante, aproveitando a man de obra que poboaba a zona (oito castros), comezarían as prospeccións e explotacións mineiras do entorno (chama a nosa atención a cantidade de minas romanas que hai espalladas polas parroquias achegadas a Pela[2]; cinco na parroquia de Lema, tres en Dombodán, dúas en Viñós, unha en Brandeso, unha en Pantiñobre e outras tres na parroquia de Viladavil ao norte da Vía XIX, cara a Cidadela), asentándose, posiblemente, co tempo, un procuratore metallorum no casal ou villae de Pella, aproveitando a súa estratéxica situación xeográfica (non esquezamos, tamén, a proximidade de Courium (Sardecorios)) e a excelente climatoloxía que favorecería, aínda hoxe en día, unha próspera explotación agraria.
Ata sempre e bo proveito. gonzo@arzuacidadan.net

[1] Ver Miliarios e outras incricións romanas no Noroeste Hispánico. Lugo, Rodríguez Colmenero, A. e outros. 2004.[2] Catálogo de Patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM do Concello de Arzúa 2006
por gonzo, 22/01/2008 12:41 Tags:
Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: