Portada
O teu escritorio

A nosa historia

Sexamos libres coa cultura e a información. Logo divirtámonos.

O Camiño Primitivo de Santiago e a VIA XIX romana en Arzúa 1

  En base ao estudio sobre a conquista romana na comarca de Arzúa cremos posible, establecer unha serie de afirmacións sobre o tan debatido trazado da VIA XIX DE ASTORGA A BRAGA (a máis antiga de Galicia) na provincia da Coruña. Diversas teorías trazan múltiples itinerarios e localizan as diferentes mansións romanas da VIA XIX en distintos lugares da xeografía coruñesa. Varios autores teorizan sobre este tema das que extraemos as seguintes;
  Algúns historiadores como X.M.Caamaño, quixeron ver a mansión romana de Asseconia na actual parroquia de Oíns, Arias Bonet sitúa no Viso (Dombodán)  a misteriosa Asseconia, hoxe en día, tamén identificada con A Sionlla, Sigüeiro, Aixón ou Santiago de Compostela, a seguinte mansión romana cara Lucus Augusti (Lugo) era Brevis (Ponte Furelos ou Melide). O investigador Sáez Taboada, localiza Asseconia en Aixón, Sergude (Boqueixón) e dende aí traza a Vía XIX por Prevediños, Touro, Muíña, Oca de Abaixo, Fondevila, Vilar, San Miguel, Igrexa (Vilantime), Boente e logo cara Brevis (Melide).     
        Nós seguimos sendo da opinión de que a VIA XIX discorrería dende Lugo ata  Castrofito no Pino, case, polo mesmo itinerario que hoxe ten o Camiño Primitivo de Santiago.
        Será sobre os anos 19-16 a.C. cando os romanos consoliden o seu poder militar na nosa comarca e comecen a construír a VIA XIX, normalmente, aproveitando os antigos camiños entre castros, para transportar as tropas e comezar a explotación dos minerais.. Dende Asturica ata o confín da terra coñecida había que construír unha vía de penetración na zona dos galaicos. A VIA XIX DE ASTORGA A BRAGA (a máis antiga de Galicia)  cruzaba o concello de Arzúa de este a oeste.
        A proximidade das catorce minas romanas ao Camiño de Santiago é unha proba case incontestable, a construcción das vías romanas teñen a súa orixe, case exclusivamente, na explotación económica dos territorios, o Imperio busca na Gallaecia ouro e estaño, é lóxico que a VIA XIX pasase preto destas quince minas de estaño,sobre todo nun primeiro momento da conquista. 
         En Ponte Puñide, Gonzar, J.Sánchez-Palencia, sitúa un xacemento primario de ouro.
         Unha ara votiva coa inscripción; Valerio Quadrado dedicou este altar ós lares viais apareceu arredor de 1974, xunto con restos cerámicos romanos, nun labradío chamado A Agra, no lugar de Porto(Castrofeito, O Pino).
         Tranoy na súa obra La Galice Romaine,1981, localiza un procuratores metallorum, libertos imperiais (moitos de procedencia militar) encargados directamente do control da explotación mineira, instalado en Castrofeito (O Pino).
         Non cabe dúbida de que a zona tivo que ter unha importancia relevante para o Imperio Romano, o ouro do Pino e o estaño de Arzúa, amén da apertura dunha vía de penetración no interior do país dos gallaeci, deberon ser a causa principal da construcción da VIA XIX na comarca de Arzúa. 
Autor: Celso Alberte Magariños Costas
celsomagarinhos@mundo-r.com
por gonzo, 22/02/2008 12:15 Tags:
Comentarios (1)
gonzo
# 22/Febreiro/2008
A pequerrecha imaxe corresponde a Ponte de Ribadiso.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: