Portada
O teu escritorio

A nosa historia

Sexamos libres coa cultura e a información. Logo divirtámonos.

Ánxel Casal; un arzuán, bo e xeneroso

  O día 28 deste mes inaugúrase a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, a máis moderna de Galicia, será bautizada co nome de Ánxel Casal.
  Ánxel Casal foi un dos maiores baluartes da cultura galega de tódolos tempos, grazas a el; Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Seoane, Ramón Cabanillas, e tantos outros autores e investigadores da nosa cultura galega puideron legarnos as súas obras.
   En Pela, Vilantime, Xosé Castro, fillo do primo de Casal, recorda aqueles tempos,  inesquecibles para un neno de sete anos, cando ía a pacer as vacas cun home, sobre todo, bo e xeneroso, que lle falaba disto e doutro, que lles levaba libros de Xeografía dun tal Otero Pedrayo, e que a súa máxima preocupación era que os novos da casa estudaran. Desgraciadamente, Xosé, tampouco esquecerá o día que as hordas fascistas viñeron a levar a Ánxel, alí en Pela, mentres coidaban do gando, uns covardes separárono del para sempre, mais o recordo fotográfico daqueles anos, nunca se borrou. 
   Ánxel Casal foi un dos primeiros membros da intelectualidade galeguista de extracción netamente rural, quizais por iso foi un traballador incansable e indobregable no seu empeño editorial. No número 31 da Revista Nós do 25 de xullo do 1926, Ánxel Casal remata o saúdo editorial da seguinte forma: Coa axuda dos bos galegos esta grande obra seguirá adiante levando o nome glorioso de Galicia aos grandes centros culturaes do mundo enteiro como representación da súa persoalidade. Tamén como unha afirmación da súa existencia enxebremente considerada. Remata o escrito pedindo colaboración: ... e supricamos a cantos nos axudan, a todol-os que nos leen que continúen dispensándonos a súa atención e propagando esta revista entre as súas amistades. Saúde e Terra. 
   Ánxel Casal Gosenxe naceu na cidade da Coruña o 17 do mes de nadal do ano 1895, fillo de Manuel Casal, natural de Pela Vilantime, parroquia de Arzúa, e de Filomena Gosenxe, natural de Visantoña, Santiso.
   Aló polo ano  1914 entra en contacto coas Irmandades da Fala da Coruña, grupo dirixido por Antón Vilar Ponte do que será un fervente socio e animador incansable.
   No ano 1920 casa con María Miramontes, modista de moita sona na Coruña da época, ela co seu apoio moral e económico será a súa imprescindible colaboradora.Ánxel Casal foi quen de fundar con Leandro Carré a Editorial Lar na rúa Real coruñesa, onde publican as primeiras obras en galego da época.En 1927, Casal cesa como administrador de Lar e funda en solitario a Editorial Nós con a penas unha Minerva e algún outro material tipográfico.
   No 1931 trasladou o obradoiro a Santiago e establece definitivamente a imprenta no número 15 da rúa do Vilar. 
   En Santiago foi un destacado membro do Partido Galeguista polo que resulta elixido alcalde do Concello de Santiago. Por esa condición formou parte da Comisión encargada de entregar en Madrid o Estatuto de Autonomía unha vez que se aprobou en plebiscito polo pobo, regresou o mesmo día do pronunciamento militar poñéndose ó fronte da alcaldía. Máis, a forza dos acontecementos obrigouno a abandonar, retirouse coa súa dona a Pela e alí, apresárono as forzas franquistas o día 4 de agosto do 36. Conducírono á cadea do partido xudicial de Santiago onde pasou dúas semanas en compaña, entre outros, de Camilo Díaz. O día 19 de agosto apareceu o seu cadáver en Cacheiras.
   A parte da revista de cultura galega Nós, publicáronse na editorial máis de cincuenta obras de literatura e ensaio galegas, entre as que se atopan autores de recoñecida sona coma; Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo,  Ramón Cabanillas, Vilar Ponte, Carballo Calero, e tantos outros.Publicáronse, ademais, os traballos do Seminario de Estudos Galegos, entre eles Terra de Melide, a singular revista Resol, a revista Ser e varios números do voceiro do Partido Galeguista; A Nosa Terra.
   Ánxel Casal era un entusiasta conversador, cheo de paixón galeguizadora, comezou moi novo a traballar no empeño de estender a nosa cultura, pasou os mellores dos seus días nas pequenas imprentas que instalara. Del dixeron palabras xustas algúns coñecedores do seu labor.
   Por exemplo, Otero Pedrayo : "Casal, rexo, ledo, optimista, esparexeu a mans cheas a gracia e a forza dunha nova literatura sobre o mundo. A Editorial Nós foi a coroa do seu labor de entrega ó propio país".
   Ou Castelao, tan admirador seu, chegou a afirmar:
"Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós".
Ata sempre e bo proveito. gonzo@arzuacidadan.net
por gonzo, 22/03/2008 18:27 Tags: Ánxel Casal   
Comentarios (3)
gonzo
# 22/Marzo/2008
O anuncio aparece publicado no nª 121 da Revista Nós do 15 de xaneiro do 1934

xancarballo
# 27/Marzo/2008
É incrible que no Concello de Santiago con alcalde do PSOE, Ánxel Casal dea nome a unha importante rúa, a un edificio emblemático (centro de estudios municipais), á Biblioteca Pública,.. e acó, en Arzúa, á pregunta de se deron o nome dalgunha rúa a Ánxel Casal a Alcaldía do BNG conteste, infantilmente; "informámoslle qeu nestes momentos non se nomeou ningunha rúa co nome de Anxel Casal debido a que a Aula de Teatro se chama Ánxel Casal e tamén hai unha asociación co nome de Ánxel Casal. De todos modos o seu correo será pasado ao departamento correspondente para que se teñan en conta as súas opinións e suxerencias". Para chorar.

gonzo
# 29/Marzo/2008
Información sobre a inauguración da biblioteca en:http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=7593

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: