Portada
O teu escritorio

A nosa historia

Sexamos libres coa cultura e a información. Logo divirtámonos.

VII Xornadas do Pan. Arzúa 2008

 

Chegounos a programación das VII Xornadas do Pan, este ano tócalle á parroquia de Dombodán.

  Coma tódolos anos, a Asociación Ánxel Casal de Arzúa vén de organizar as chamadas Xornadas do Pan que este ano chegan ao seu sétimo ano, para nós é unha boa nova, xa que estamos a punto de publicar un artigo sobre a interesantísima historia da parroquia de Dombodán. É unha sorte o poderen gozar da Colleita e a Malla nunha das parroquias máis belas do concello ver: http://www.concellodearzua.org/turismo/catalogo/parroquias.php
  Este ano a Asociación Ánxel Casal conta coa colaboración da Asociación de Veciños de Dombodán "San Cristovo", ademais, polo que se ve, non coincide a Malla co San Queremos de Vilantime, que cadra o 23 de agosto ( www.sanqueremos.com ), ou sexa que poderase disfrutar das dúas festas intensamente.
  Obxectivos e programacíon das VII Xornadas do Pan:
    VII Xornadas do Pan. Arzúa 2008
  Un dos valores máis fortes e rexos da nosa cultura é o que o traballo e, sobre todo, os labores colectivos agrarios que os nosos maiores deixaron na nosa etnografía, nas nosas cantigas populares e na nosa cultura en xeral.
  Un deses traballos colectivos foron os relacionados co proceso de elaboración do pan.Dende a Asociación Ánxel Casal de Arzúa propoñémonos recuperar a nosa memoria sobre uns traballos que enchían de ledicia, pericia, comunicación e música as nosas parroquias nos meses do verán.
  Estes traballos agrícolas formaron parte da nosa cultura e foron o xermolo de moitas cantigas populares e do folcklore galego.
  Na comarca de Arzúa o trigo e o centeo tiveron unha importancia capital na economía da zona. Hoxe en día, coa mecanización do agro e a especialización da producción agropecuaria cara á gandeiría, sobre de todo de leite, fixo que os cultivos destes cereais quedaran relegados a un segundo plano.
  Coas Xornadas do Pan a Asociación Ánxel Casal de Arzúa, recupera todo o proceso deste alimento básico, dende a súa sementeira ata a fornada das bolas, tortas ou empanadas.
  Para realizar este proceso fielmente, estas Xornadas divídense nos seguintes días:

A Colleita. 19 de xullo. 6 da tardiña*

Sobre oito ferrados de trigo ,sementados polo inverno no Agro dos Castros- A Torre- Dombodán (Arzúa) será segada a fouciño, deixando feitos os medeiros para o secado do trigo na mesma finca. Haberá premio para os tres mellores segadores/as e para os tres mellores atadore/as.Este día, logo do labor realizarase unha merenda popular.

A Malla. 9 de agosto. 7 da tardiña*

Logo de preparar a meda no Campo da festa de Reigada (Dombodán), o son do corno anunciará o comezo da malla.Cunha das malladoras máis antigas que se conservan, procederase á malla e limpeza do trigo e farase o palleiro na mesma leira . Este día, logo da malla, haberá unha merenda popular e unha foliada coa colaboración dunha agrupación musical.

A Muiñada e Fornada. 20 de setembro. 6 da tardiña

Os ferrados de trigo que se colleiten levaranse ó Muíño da Fonte Santa, muíño de maquía da parroquia de Lema, Concello de Arzúa, para facer a moenda.Feita a masa pola mañá, no  forno de leña do muíño coceranse os panes e empanadas, facendo a merenda-degustación do producto destas xornadas.Actuación dun Grupo de Folck aínda por determinar.
  * Estas datas poden ter variacións, xa que deberase ter en conta o tempo atmosférico e o proceso natural de maduración da plantación de trigo.

Ata sempre e bo proveito. gonzo@arzuacidadan.net

 
por gonzo, 21/06/2008 22:16 Tags: Xornadas do Pan. Arzúa   
Comentarios (3)
gonzo
# 21/Xuño/2008
A imaxe corresponde á Capela e Fonte do Monte do Viso (Dombodán), onde se celebra a antiquísima Romaría do Viso

sanqueremos
# 25/Xuño/2008
Pois menos mal que este ano non coincide co SQ pois xa cadrou en moitas das edicións.

Ainda así está claro que o verán debería ser polo menos de 6 meses e que 3 non dan para tantas cousas, a día de hoxe e se non estou errado a malla coincide coa Festa dos Botes, a campestre de Ponte Lema e o Ralí de Carretillas "Coidado que volcas" de Vila de Cruces, haber como facemos para abarcar tanta festa.

Saudos dende Vilantime:

Comisión SQ08.

gonzo
# 17/Agosto/2008
Vede reportaxe fotográfico en: http://www.vieiros.com/nova/68430/a-cultura-do-pan-rexorde-en-arzua

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: