Portada
O teu escritorio

A nosa historia

Sexamos libres coa cultura e a información. Logo divirtámonos.

O Carlismo nas comarcas do Ulla

  Ben coñecido é que a Historia está escrita, na súa maior parte, pola clase letrada que durante  séculos pertenceu ou serviu ás elites dirixentes. No mundo rural, e sobre todo, na Galiza interior, escasea  a narración dos feitos históricos dende a voz dos labregos e comerciantes.
  Hai casos puntuais, como os que nos narra o Pleito Tabera-Fonseca, sobre a Revolución Irmandiña dos anos 1467-1469. Os numerosos testigos da Revolta Irmandiña poñen fincapé nas inxustizas, roubos e abusos que tiñan que soportar  as clases traballadoras (produtoras) das clases dirixentes laicas e relixiosas(guerreiras, ociosas e pensantes)).               
   Ata hai ben pouco, a gran maioría dos manuais de historia e, ata as recentes guías locais, mostraban a historia que as clases dirixentes nos quixeron legar, a súa historia. A modo de exemplo: No século XIX, os dirixentes das partidas carlistas son os salvadores do pobo, uns mártires...
   Os narradores destes feitos, algúns  contemporáneos nosos, esquecen que na lóxica da guerra a barbarie é norma (recordemos a guerra de Iraq), esquecen as atrocidades que realizaron os cabecillas carlistas faciosos como lle chamaba o pobo. Unha excepción é  Francisco Vilariño, cronista dezao da época, que narra os sucesos do 10 de xaneiro de 1837 cando a gavilla carlista do facioso Vilanova de Tuiriz, torturou e logo fusilou, a sete soldados na feira da Goleta  (Lalín), ante as súplicas e choros dos presentes...
   As partida carlistas tiveron gran relevancia nas nosas comarcas entre os anos 1834-1839, onde tiñan apoio do arcebispado de Santiago, o clero rural e da fidalguía rural (de caza e pote), eran os sectores das nosas comarcas que vían perigar os dezmos, o cobro das rendas..,
   Antonio López natural de San Estevo do Campo (Arzúa), ex - oficial do exército, visitou a Don Carlos de Borbón en Portugal, quen lle estendeu un decreto datado o 10 de xaneiro de 1834, chamando a inserrucción do clero e elementos afíns do exercito. Comezou a súa acción nas comarcas de Sobrado, Arzúa e Melide, invitando a varias persoas a alistarse na súa partida, ofrecendo incluso ata 1.000 reais de entrada. O núcleo inicial da partida formárono entre outros, Don Ramón Duro, Don Andrés Oliver e Juan Viñas -O Capador, de triste recordo na comarca polas súas atrocidades[1]-.., o seu cuartel xeral,na primeira fase da partida foi o Mosteiro de Sobrado.
   Do mosterio de Sancti Spiritus de Melide era o frei Saturnino Enríquez, que se adestrou con Don López ata que constituíu a partida Batallón A Constancia, campou polas comarcas de Curtis, Sobrado e Mesía, cando lle faltou financiación adicouse á extorsión, hai cartas onde ameazaba con queimar as facendas e maltratar ás familias se non se lle entregaba, no prazo de 15 días, 4000 reais. López caeu en Boimorto en 1836, o seu corpo e o de Andrés Mañá foron despedazados  polos constitucionais e colocados en diferentes puntos da comarca de Santiago.
   A guerra carlista foi a reacción ante a perdida de poder da clase dirixente -clero e fidalguía- (dominante na Galiza rural), contra a novo poder liberal -burguesía e sectores críticos da fidalguía - o seu resultado; a barbarie da guerra. O pobo, coma sempre, entre dous fogos.
Ata sempre e bo proveito. gonzo@arzuacidadan.net

[1]  Barreiro Fernández, XR. Historia Contemporanea Política. Galicia Historia Tomo VII, A Coruña, Eds. Hércules, 1991
por gonzo, 16/11/2008 20:04 Tags: carlistas   
Comentarios (1)
gonzo
# 16/Novembro/2008
A imaxe corresponde a unha panorámica do extraordinario Mosteiro de Sobrado, cuartel Xeral das partidas carlistas no XIX

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar. Desde a páxina de entrada podes crear un usuraio para Arzúa Cidadán.

Si xa tes o teu usuario, podes acceder dende aquí: