Arzúa (Santa María)
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Esta parroquia do Concello de Arzúa conta cunha poboación, segundo o censo do 2006, de 336 habitantes, dos que 165 son homes e 171 son mulleres. Segundo o Nomenclátor Oficial da Xunta de Galicia suman un total de 22 os lugares de Arzúa (Santa María).
Unha das festas máis populares desta parroquia, ademais da Festa do Queixo de Arzúa, é a Festa dos Botes, que se realiza no mes de agosto. Na edición do 2006 actuaron grupos como Xs-Trume, Ruxe Ruxe, Skarnio, Alberto Mbundi, Lamatumbá e Flash Flan.
A festa grande da parroquia é o 15 de agosto, e tamén polo San Xoán, data na que se prende lume a un castelo construído para a celebración.
Algúns dos lugares máis atractivos para visitar nesta parroquia son: a Capela de Santa Mariña, a Capela do Outeiro ou de Santa Catarina, a Casa Grande do Viso, o Cruceiro do Viso, a fonte da Quenlla, o Pazo de Santa María ou o merendeiro de Castro Curbín, situado nunha carballeira na que existiu unha aldea castrexa do século VI a.C.
Destaca tamén o elevado número de manifestacións de arquitectura popular que hai nela, sobre todo no que respecta aos hórreos, fontes e muíños, e tamén os lugares de esparcemento (merendeiro de Castro Curbín, merendeiro de Santa María, merendeiro do Capelán e merendeiro do Viso).
