Arzúa cidadán

Capela da Madanela

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Igrexa dun antigo mosteiro de frades agostiños fundado no século XIV. A finais do XVII a comunidade foise para Santiago de Compostela e o mosteiro, do que non se conserva nada, quedou abandonado, co que tan só se conserva a capela. Esta, continuou aberta ao culto baixo a xurisdición do mosteiro de Compostela ata que, coa desamortización de Mendizábal, deixou de depender deste.

O edificio, de cachotería, ten planta lonxitudinal e está cuberto con tella do país. Destaca no seu alzado a zona da cabeceira. A porta de acceso está situada na fachada oeste, e consiste nun arco de medio punto abucinado e cun gran van cuadrangular sobre el; a portada está coroada por unha espadana de van único. No interior sobresae o arco oxival que divide a nave e o presbiterio, xunto con dous sepulcros a ambos lados da nave, ademais das inscricións, que se conservan en dúas das súas paredes.

O primitivo retablo, datado no século XVI, era todo de pedra e del só se conserva a predela, situada hoxe no lugar que se cre ocupaba antano. A finais do século XVIII realizárase outro retablo de madeira e de estilo rococó, que foi desmontado no século XX, coa primeira rehabilitación da capela.

En 1984 comezaron as obras para a rehabilitación e cesión do templo, da diócese ao concello de Arzúa, por tempo indefinido. A xestión foi levada a cabo por un padroado formado por Pilar García Montero, Ramón Torreiro González e Luis Vidal Abad, axudados neste por Antonio Fraguas Fraguas, Salvador Ares Espada, Manuel Díaz Díaz e Bernardino Villaverde Villaverde.

A capela foi reinaugurada, como sala de exposicións, o día 21 de xuño de 2006.

Atópase na rúa Cima do Lugar, no tramo urbano do Camiño de Santiago, entre o albergue municipal de peregrinos e a casa reitoral e é o punto de partida do sendeiro do Val do Iso.

Ferramentas persoais