Arzúa cidadán

Casa do Concello

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

A Casa do Concello de Arzúa construíuse no ano 1868 por iniciativa dun deputado a Cortes polo Distrito. Edificouse con pedras do Mosteiro de Sobrado dos Monxes tralo abandono da desamortización, igual que o antigo cárcere, que hoxe alberga a Casa da Cultura. Ambas obras presentan semellanzas formais e construtivas, polo que hai autores que apuntan a [Faustino Domínguez Domínguez] como o seu arquitecto.

A súa planta é cadrangular irregular cunha das fachadas laterais máis grandes cá súa oposta. Está construído con cachotería recebada e pintada de branco, excepto nos esquinais, marcos de vans e frontón, onde se usa cantería á vista.

A fachada principal aparece enmarcada nun rectángulo formado polas liñas que marcan o zócalo, os esquinais e a cornixa. Destaca aquí o corpo central, adiantado lixeiramente do resto da fachada, coa porta de acceso na planta baixa, con dúas fiestras a cada lado. Nesta rúa central destaca o balcón da primeira planta, enriba do que se atopa un frontón curvo cun reloxo, feito polo reloxeiro de Preguntoño Xosé Taboada Santos e polo armeiro Fernán Carril Salgueiros de Viladavil. Por remate ten unha torre de ferro feita en Compostela por Cerqueiro e cunha campá fundida en Orazo (A Estrada).

A segunda planta ten unha organización similar. Ábrese no centro un balcón e a cada lado deste outros dous. A terceira planta é froito dunha ampliación realizada nos anos 90 do século XX que variou de xeito importante o deseño orixinal do edificio. Segue o esquema da planta baixa coa apertura de dous balcóns a cada lado do corpo central, onde o frontón semicircular, que se elevaba sobre a liña da cornixa, queda agora integrado na fachada, dándolle un esquema rectangular que antes se quebraba.

As fachadas laterais teñen unha organización moito máis sinxela, con fiestras abertas en cada planta e separadas por unha pequena moldura de pedra sen revestir.

Ferramentas persoais