Concello de Arzúa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Situación
Arzúa está situada ao sur da provincia da Coruña. Linda co concello de Santiso e coa provincia de Pontevedra da que está separada polo río Ulla. Ao norte de Arzúa sitúanse os concellos de Frades e Boimorto, con este último fai fronteira tamén polo leste, xunto a Melide, e polo oeste limita cos municipios de Touro e O Pino. O concello ten unha superficie de 158 quilómetros cadrados.
Conta coas seguintes parroquias: Arzúa (Santa María),Arzúa (Santiago), Boente (Santiago), Brandeso (San Lourenzo), Branzá (Santa Locaia),Burres (San Vicenzo), Calvos de Sobrecamiño (San Martiño), Campo (Santo Estevo), A Castañeda (Santa María), Dodro (Santa María), Dombodán (San Cristovo), Figueiroa (San Paio), Lema (San Pedro), Maroxo (Santa María), A Mella (San Pedro), Oíns (San Cosme), Pantiñobre (Santo Estevo), Rendal (Santa María), Tronceda (Santa María), Viladavil (Santa María), Vilantime (San Pedro), Viñós (San Pedro).
Clima
Arzúa atópase nunha área de transición con dominio de clima oceánico hiperhúmido e oceánico continental cunha media de temperaturas que se sitúa nos 13ºC (con 7º de mínima e 22º de temperatura máxima) e con prepitacións que adoitan ser de 1.500 mm por ano.
Accidentes xeográficos
O río Tambre e, especialmente, o río Ulla determinan o contorno arzuán. A área norte do concello está marcada polo río Tambre, que sinala o límite co concello de Frades, e as zonas central e sur sinaladas polo Ulla e os seus afluentes, principalmente o río Boente, que establece o límite entre os concellos de Arzúa e Santiso; e o río Iso, o máis importante do municipio, que nace na ladeira occidental do monte Bocelo, en Boimorto; e Brandeso.
Os principais cumes do concello, situado a 389 metros sobre o nivel do mar, son os montes Cornado, con 483 metros; Martelo, con 453 metros; do Viso con 446; e Filgueira con 436 metros de altura.
Comunicacións
A principal vía de comunicación do concello de Arzúa é a N-547 (Santiago de Compostela-Lugo), estrada que cruza o concello de leste a oeste seguindo o trazado histórico do Camiño de Santiago e que atravesa a capital municipal. Por ela, a vila de Arzúa sitúase a 39 quilómetros da capital de Galicia e a 63 da cidade de Lugo, mentres que do aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela) dista 27 quilómetros.
A maiores desta estrada da capital municipal parten, de xeito radial, estas outras:
- LC-234: cara ao norte, cara a Boimorto (alí únese á C-540 que vai de Betanzos a Melide, e por ela pódese ir tamén cara a Sobrado dos Monxes).
- CP-0604: tamén cara ao norte, vai de Arzúa a Ponte Carreira e alí únese á N-544 (Curtis-Santiago).
- CP-0601: cara ao sur, sae do centro de Arzúa con dirección a Dombodán e vai ata o encoro de Portodemouros e dende alí segue cara a Vila de Cruces.
Poboación
| Parroquia | Poboación total | Homes | Mulleres |
|---|---|---|---|
| Arzúa (Santiago) | 2541 | 1227 | 1314 |
| Arzúa (Santa María) | 336 | 165 | 171 |
| Boente (Santiago) | 157 | 74 | 83 |
| Brandeso (San Lourenzo) | 135 | 67 | 68 |
| Branza (Santa Locaia) | 170 | 84 | 92 |
| Burres (San Vicenzo) | 451 | 231 | 220 |
| Campo (San Estevo) | 120 | 64 | 56 |
| Castañeda (Santa María) | 159 | 82 | 77 |
| Dodro (Santa María) | 84 | 45 | 39 |
| Dombodan (San Cristovo) | 305 | 146 | 159 |
| Figueroa (San Paio) | 73 | 37 | 36 |
| Lema (San Pedro) | 218 | 108 | 110 |
| Maroxo (Santa Mariña) | 112 | 63 | 49 |
| Mella (San Pedro) | 133 | 66 | 67 |
| Oins (San Cosme) | 265 | 133 | 102 |
| Pantiñobre (San Estevo) | 210 | 103 | 107 |
| Rendal (Santa María) | 287 | 144 | 143 |
| Tronceda (Santa María) | 45 | 20 | 25 |
| Viladavil (Santa María) | 168 | 87 | 81 |
| Villantime (San Pedro) | 221 | 109 | 112 |
| Viños (San Pedro) | 210 | 103 | 107 | Fonte: INE |
