Arzúa cidadán

Economía

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

A economía de Arzúa presenta unha importante diversificación. Hoxe por hoxe o sector de maior ocupación é o servizos (39,7%), actividade que se concentra sobre todo no núcleo urbano e que ten no comercio e na hostalería as súas principais actividades. Tamén se beneficia, en boa medida, do papel que ocupa o concello como cabeceira comarcal. Neste punto, pódese citar a relevancia comercial das feiras mensuais que teñen lugar na vila nos días 8 e 22, que ademais de produtos da horta e téxtiles seguen concentrando, aínda que menos que noutrora, un importante volume de gando.

Ao terciario séguelle, co 31,1% dos ocupados, o sector secundario, que está representado fundamentalmente polas actividades da construción e por unha industria na que destacan subsectores tradicionais como o madeireiro (abundan os serradoiros de preparación industrial) ou o de manufacturas (toldos, tapicerías, peles, curtidos...).

Con todo, e malia que se sitúan no terceiro posto no que á ocupación respecta (29,2%), a economía de Arzúa segue fortemente vinculada ás actividades agrogandeiras, especialmente á gandería bovina e, en menor medida, á porcina, á ovina ou á cabalar.

A primeira delas, representada nunha cabana que supera as dez mil cabezas, ten unha clara orientación comercial e o seu destino principal, ademais das fábricas de transformación leiteira e do aproveitamento cárnico, é a elaboración de Queixo Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa.

O queixo non é, non obstante, a única xoia da gastronomía local cuxa comercialización inflúe na economía arzuá, na que tamén repercute a produción do afamado capón de Arzúa e, cada vez máis, a do mel.


Ocupados por sectores
Agricultura Pesca Industria Construción Servizos
730 6 449 337 1.005
Fonte: INE


Actividade e paro
Taxas Total Homes Mulleres
Taxa de actividade 47,6% 59,2% 36,4%
Taxa de paro 8,5% 7,9% 9,6%
Fonte: INE
Ferramentas persoais