Igrexa Parroquial de Santiago de Boente
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A actual Igrexa de Santiago de Boente, datada no primeiro terzo do século XIX, foi construída no mesmo lugar dun antigo templo románico do século XII. Consérvanse restos desta, entre os que se atopa un capitel situado na fachada leste.
Presenta planta basilical de nave única, con sancristía pegada á parte de atrás da cabeceira. A súa fábrica é de cachotería, encalada en branco, con cantería en esquinas, portas e ventás. A cuberta é a dúas augas, con tella do país. A portada remata cunha espadana de pedra con dous vans.
Destaca na fachada sur e oeste a esfera dun reloxo de agullas e un reloxo de sol situado na fachada sur.
A cuberta da cabeceira álzase sobre pechinas de madeira e divídese en oitos tramos. O chan é de lousas de pedra nave e de madeira no altar. A nave divídese en varios tramos con tres arcos de medio punto, de madeira o máis próximo ao coro e de pedra os dous restantes.
Ten unha gran cantidade de símbolos xacobeos.
O retablo e o coro
O retablo maior ten no medio unha imaxe do Sagrado Corazón de Xesús, xunto con outras tallas de diferentes épocas como un Santiago Peregrino do século XIX, unha Virxe do Carme e un San Roque, do século XVIII, xunto a unha antiga talla de San Silvestre, que segundo o párroco, data do século XII. Tamén hai nun lateral unha talla da Virxe da Saleta. Para conseguir maior amplitude no templo abríronse dúas ornacinas onde estaban colocados os retábulos.
No coro consérvase o mecanismo dun reloxo de agullas con máis dun século.
Observacións
Nunha das pilastras da nave consérvase unha inscrición que pon 1826, e que probablemente se corresponda co ano de finalización das obras.
A igrexa, que se atopa en moi bo estado de conservación, foi arranxada a mediados dos anos 90 do século XX, cando se construíu tamén a mesa nova do altar.
A parroquia de Boente ten o seu cemiterio en San Vicente de Vitiriz (Melide). Non obstante, no seu adro aínda se conservan varias lousas sepulcrais diante da porta principal de acceso ao templo, así como un sepulcro de formigón con tres nichos.
Na sancristía ponse o selo aos peregrinos, xa que esta igrexa se atopa no Camiño de Santiago
