Pazo de Sedor
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O pazo de Sedor, de propiedade particular, data do século XVII e foi fundado por Francisco González do Vilar, Colexial de Fonseca, Avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia e Fiscal de Guerra de mesmo Reino.
O edificio, de planta cadrangular, está construído con parede de cantería. A principal probablemente está inacabada pois, segundo a súa distribución, é posible que a fachada estivese proxectada para ter o dobre de longo, cunha composición simétrica. Nesta, a parte esquerda adiántase a modo de frontón, coroada cun escudo, achegándose a asemellar a pranta do pazo a un L. No resto da fachada destaca o balcón corrido do segundo piso, con peche de ferro.
No interior do pazo destaca a lareira, cunha gran cheminea, de deseño barroco no exterior, con dous fornos, un a cada lado. Ademais, son de salientar as escaleiras principais de acceso, xunto con outras secundarias entre muros que dan acceso á segunda planta.
Nos anos 80 do século XX, o edificio sufriu unha reforma, arranxando o tellado.
Na finca do pazo pódese ver tamén un antigo muíño de auga e os restos dun hórreo que alcanzaba uns quince metros de longo.
Na actualidade, o pazo emprégase como hospedería de turismo rural.
