Arzúa cidadán

Lenda da fonte da Quenlla

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

A lenda da fonte da Quenlla conta a historia de Mariquiña, unha rapaza tan pobre que non posuía máis ca un xato e unha vaca aos que levaba todos os días a pacer ao castro Curbín.

Certo día que volvía do castro, os animais quixeron parar a beber na fonte da Quenlla e ela tamén se anicou para tomar un pouco de auga. No momento que os seus beizos rozaron o líquido comezou a escoitar unha música doce e viu un gran resplando, unha luz que comezou a tomar forma dunha silueta de persoa. Cando a música cesou Mariquiña viu diante dela unha muller moi fermosa, loira e toda vestida de branco que lle dixo:

- Non teñas medo Mariquiña. Son a fada desta fonte e non che vou facer nada. Toma, isto, é para ti - dixo entregándolle un saquete de moedas de ouro- só me tes que prometer dúas cousas: que non lle dirás a ninguén nada da miña existencia e que cada vez que cozades na casa me traerás un anaco de bola.

Mariquiña,que así o prometera, cada vez que volvía ao castro leváballe á fada o pan de bola e ela perfumábaa, peiteábaa, e, de cando en vez, dáballe un saquete con moedas.

Un día que coceron na casa, Mariquiña colleu un anaco de bola para ela e outro para a fada. Ao vela, súa nai preguntoulle para quen era a bola e ela respondeulle que para ela, pero a nai sabía que ela non sería capaz de comer tanta bola e tanto lle insistiu que ao final Mariquiña díxolle:

-Sempre que volvo do castro, na fonte da Quenlla aparéceseme unha muller que me peitea e que me dá cartos, e a ela é a quen lle levo a bola.

Sabido isto, a nai deixouna ir sen maior problema mais á noitiña, ao ver que Mariquiña non regresaba saíu ver que pasaba. Escoitou uns pasos: eran a vaca e o xato que volvían sós.

De Mariquiña nunca máis nada se soubo nada. Uns din que se perdeu, outros que a fada da fonte a levou con ela por faltar á súa promesa, pero isto é un misterio que a fonte da Quenlla encerra e encerrará para sempre.

Ferramentas persoais